O Concello dá a coñecer, da man da SGHN, a riqueza e dinámica da lagoa da Frouxeira entre os escolares

O Concello de Valdoviño oferta aos centros educativos un programa de percorridos con actividades e observación guiadas pola Sociedade Galega de Historia Natural

Valdoviño, 18 de novembro de 2021. O Concello de Valdoviño e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alíanse na posta en marcha dun programa de visitas guiadas á lagoa da Frouxeira dirixido a escolares. Unhas visitas que nos últimos anos se viñan realizando co alumnado do CPI Atios, e que agora o Concello quere estender ao resto de colexios de Educación Primaria da comarca, ampliando tamén a relación de colaboración coa SGHN. O obxectivo é favorecer a aprendizaxe sobre esta espectacular contorna natural, contribuíndo así ao seu coñecemento, respecto e protección. 

Serán os técnicos da SGHN os encargados de guiar eses percorridos concertados polos coles á contorna da lagoa. Así, cun discurso adaptado á idade dos nenos e nenas participantes, os monitores explicaranlles a importancia do humidal, centraranse na súa flora e fauna singular, abordarán a súa historia e funcionamento ou as figuras de protección que rixen o territorio, entre outros contidos. E todo, acompañado da observación e de diferentes dinámicas e xogos. 

Así, os centros interesados en participar no programa de visitas guiadas deben poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 649 34 75 60 ou do correo turismo@concellodevaldovino.com. 

A lagoa da Frouxeira é un dos cinco humidais protexidos en Galicia e conta, ademais, con outras figuras de protección como as de humidal protexido de importancia internacional, zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial conservación (ZEC).