O Concello creará unha bolsa de emprego para a contratación de persoal técnico de igualdade
As persoas interesadas en participar no proceso selectivo, mediante o sistema de libre oposición, poderán presentar a súa instancia dende este xoves
Valdoviño, 26 de marzo do 2025. O Concello de Valdoviño creará unha bolsa de emprego para a contratación de persoal técnico de igualdade, e coa publicación no día de hoxe das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia iniciábase o proceso selectivo mediante o sistema de libre oposición. As persoas interesadas en participar do mesmo poderán presentar a súa instancia no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica, a partir de mañá xoves 27 de marzo, e por espazo de 15 días naturais.
A contratación neste 2025 será posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña, que respondía positivamente á solicitude de subvención presentada polo Concello e confirmaba unha achega de 22.000 euros para este ano, o que permitirá cubrir o 100% do gasto.
O Concello tamén recorrerá a esta lista de aspirantes para futuras coberturas de persoal técnico de igualdade, e a bolsa terá unha vixencia de 4 anos senón se convocan novos procesos selectivos.
Entre as funcións do posto atópase:
-A detección de necesidades en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e prevención da violencia contra as mulleres e contra o colectivo LGTBI
-Ofrecer información, orientación e asesoramento en materia de igualdade e dereitos LGTBI
-A programación, planificación, intervención e realización de proxectos de dinamización de políticas de igualdade no territorio
-A execución de programas presentados pola entidade e desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado
-A coordinación de profesionais de diferentes áreas e departamentos relacionados coa igualdade de oportunidades
-A asistencia técnica na aplicación da perspectiva de xénero de forma transversal
-A elaboración e emisión de informes de impacto de xénero
-Avaliar e documentar procesos e participación na formación continua programada desde a Deputación da Coruña.
-A revisión e actualización da Estratexia de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Valdoviño
-A elaboración do Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso sexual, o acoso por razón de sexo e outras condutas contrarias á liberdade sexual e integridade moral no ámbito laboral e Plan de Igualdade interno
-O deseño e realización de obradoiros/formación de carácter socioeducativo nos centros educativos ou colectivos de interese (familias, monitorado, asociacións…), de puntos de información e sensibilización en espazos educativos e/ou públicos, de Puntos Violeta en determinados eventos comunitarios e de programas de acceso ás novas tecnoloxías para as mulleres do eido rural e outros temas de interese para o colectivo de mulleres
-A participación na programación socioeducativa e comunitaria polo 8 de marzo, 25 de novembro e 28 de xuño
-A realización de campañas de sensibilización na comunidade en relación á igualdade e dereitos LGTBI
-A creación de espazos de asesoramento e intercambio para xuventude e familias
-A participación na xestión dos programas e servizos de conciliación persoal, familiar e laboral (Concilia Tempos, Punto de Atención á Infancia…)
As bases da convocatoria, o modelo de instancia e programa de materias están a disposición das persoas interesadas no Boletín Oficial da Provincia de hoxe