O Concello crea na RPT unha praza de administrativo e outra de técnico de museo

O Boletín Oficial da Provincia publica a modificación da Relación de Postos de Traballo, que pasa a fase de exposición pública 

Axilizar a tramitación de expedientes nos servizos xerais do Concello e dar estabilidade laboral á praza de técnico do Océano Surf Museo e, polo tanto, ampliar os servizos que se prestan na Casa da Cultura, son os obxectivos que o Concello pretende alcanzar coa creación de dúas novas prazas de administrativo e técnico de museo aprobadas no último pleno ordinario.

Na sesión, a corporación daba o seu visto bo á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) necesaria, e o seguinte paso foi a publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia o pasado mércores, pasando así a exposición pública. Como paso previo á cobertura das prazas, iniciarase a tramitación para a súa convocatoria.

No caso da praza de técnico de museo, ata o momento o servizo estase a prestar mediante a contratación temporal en base a unha subvención da Administración provincial. Unha liña de axudas á que, incluída a praza na RPT, o Concello poderá seguir acolléndose para minimizar a aportación municipal a este concepto.