O Concello convoca unha reunión informativa sobre a senda peonil e ciclista entre a praia da Frouxeira e o campo de fútbol de Meirás
Están convocadas as persoas con propiedades nas marxes de actuación, que arrincará este mes
Valdoviño, 5 de setembro do 2025. O Concello de Valdoviño convoca a unha xuntanza informativa ás persoas con propiedades nas marxes da actuación para habilitar a futura senda peonil e ciclista entre A Frouxeira e o campo de fútbol de Meirás. A reunión celebrarase o martes 9 de setembro ás 16:30 horas no salón de plenos da casa consistorial, e nela, o alcalde, Alberto González, informará sobre as liñas mestras da intervención, cuxas obras arrancarán este mes, e como estas repercutirán na súa mobilidade. En concreto, aos propietarios das fincas e vivendas que limitan co paseo da lagoa da Frouxeira; daquelas situadas na marxe dereita da estrada ao Faro de Meirás ata o núcleo de Regueiro, e ás ubicadas na marxe esquerda a partir deste e ata o campo de fútbol. Nestes treitos haberá obra nova, e nos restantes, adecuación de trazado, polo que os traballos non afectarán en modo algún aos propietarios.
A actuación foi adxudicada á empresa José NO Mantiñán e Hijos Construcciones SA cun investimento lixeiramente superior aos 360.000 euros. A intervención, promovida pola Deputación da Coruña e financiada con fondos europeos Next Generation EU no marco do programa DUS 5000 para municipios en reto demográfico, permitirá a creación dun itinerario ciclista e peonil de 8 km para avanzar cara unha mobilidade máis sostible e segura, poñendo en valor espazos naturais singulares de interese como a lagoa.
O proxecto desenvolverase en 3 tramos. O primeiro comprende a zona entre o estacionamento da praia da Frouxeira e o camiño que bordea a lagoa, onde se construirá unha plataforma única con 2 carrís bici de dobre dirección, un carril para corredores, e manterase o paseo de lousa para peóns, reducindo a calzada a un único sentido de circulación para vehículos.
O segundo tramo, desde Lago ata a estrada do faro de Meirás, contará cunha senda segregada mediante elementos de madeira, mentres que no terceiro, ata o campo de fútbol, instalaranse separadores de caucho e ampliarase a calzada con terreos municipais e da cooperativa de Meirás, que foron cedidos para facilitar a intervención.
