O Concello convoca unha nova quedada veciñal na antiga unitaria de Pantín para realizar labores de clasificación dos fondos da escola

Terá lugar o martes 8 de abril a partir das 17:00 horas

Valdoviño, 2 de abril do 2025. O Concello de Valdoviño volve convidar a alumnos e alumnas, familias e persoas vinculadas á antiga unitaria de Pantín a unha nova xornada na escola para colaborar nas tarefas de clasificación dos fondos que aínda se conservan no antigo inmoble. Nesta ocasión, e a petición dos veciños e veciñas que tomaron parte na primeira acción, e co ánimo de facilitar a asistencia, a quedada celebrarase en horario de tarde, o martes a partir das cinco. A intención do Concello é impulsar a recuperación da antiga escola da Ramalleira, con novos usos, e facelo xunto á veciñanza.

Hai tempo que as Concellerías de Educación, Cultura e Servizos Sociais que dirixe Rosana García traballan no proxecto, en colaboración con outros departamentos como o de Urbanismo. A intención era dar entrada no proceso á participación de veciños e veciñas, e a semana pasada, convocábase á todo aquel interesado en participar da clasificación do abundante material que se atopa na escola, para tentar recuperar e poñer en valor os fondos, e incorporalos ao inmoble trala súa rehabilitación, creando un espazo de memoria sobre a súa historia pedagóxica e como homenaxe á súa mestra, Sabela Díaz. Esa primeira acción tivo moi boa acollida, e o Concello quere agora dar continuidade á iniciativa e reeditala o martes 8.