O Concello convoca o proceso selectivo para a contratación dun/ha auxiliar de biblioteca con cargo ao PEL-Concellos

As persoas interesadas en optar á praza deben presentar a súa solicitude a partir de mañá e por espazo de 5 días naturais

Valdoviño, 18 de abril de 2022. O Concello de Valdoviño contratará un/ha auxiliar de biblioteca ao abeiro do Plan de Integración Laboral da Deputación provincial da Coruña (PEL-Concellos 2022). O Boletín Oficial da Provincial publica hoxe as bases e a convocatoria para a selección, co que a partir de mañá martes, 19 de abril, ábrese o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso (por espazo de 5 días naturais).

O contrato será de duración determinada -por espazo de 6 meses-, a media xornada, e o horario distribuirase segundo as necesidades e organización dos servizos municipais, de luns a domingo.

As súa funcións serán: apoiar ao persoal bibliotecario superior nas funcións de carácter técnico, velar polo cumprimento das normas de uso da biblioteca, xestión e mantemento do fondo bibliográfico e documental, ordenación e conservación da colección, atención, orientación e resolución dos servizos de información bibliográfica, xestión dos servizos de acceso aos documentos, consulta e sala de préstamo, vixianza e control das salas de estudo, colaborar na relación de recontos e expurgos, mantemento da páxina web, blog e redes sociais…

A persoa a contratar deberá estar en situación de desemprego e figurar inscrita como demandante de emprego nas Oficinas do INEM na data de inicio do proceso selectivo, así como atoparse en algunha das seguintes situacións de exclusión socio-laboral que se indican de seguido:

-Mulleres, ao ter un diferencial de índice de desemprego rexistrado sensiblemente superior ao dos homes.

-Maiores de 45 anos.

-Parados de longa duración que, a efectos do presente programa, leven un mínimo de dous anos como demandantes de emprego.

-Persoas con discapacidade nun grao igual ou superior ao 33% e así recoñecido pola Administración Pública

competente.

-Persoas en situación de drogodependencia.

-Persoas que vivan nun fogar onde ninguén teña emprego.

-Persoas con fogar monoparental.

-Persoas con problemas para atopar emprego polo idioma ou cuestións socioculturais.

-Persoas vítimas de violencia de xénero.

-Persoas sen fogar.

As bases e convocatoria poden consultarse no BOP: https://cutt.ly/oFNN7Qq