O Concello convoca as axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e ao transporte

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude a partir de mañá

O Concello de Valdoviño vén de convocar as axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e ao transporte. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe o anuncio, co que o prazo de presentación de solicitudes abrirase mañá por espazo de 30 días naturais. O trámite pode realizarse no rexistro xeral ou telematicamente, e a veciñanza pode consultar as bases da convocatoria na web municipal, así como descargarse o escrito de solicitude. 

O Concello destinará unha partida de 25.000 euros a esta liña de subvencións, con posibilidade de ampliación. Así, con elas búscase facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e o seu fin é compensar a aquelas familias que polas súas condicións económicas teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da escolaridade ou dos recursos de atención preescolar para a conciliación familiar e laboral. 

No caso das axudas para a adquisición de material escolar (dende mochilas ata libros de lectura ou prendas deportivas e material tecnolóxico, entre outros), os beneficiarios serán estudantes dos ciclos de Infantil, Primaria e Secundaria matriculados no CPI Atios ou escolas unitarias do CRA O Esquío, así como alumnado de Bacharelato e Formación Profesional ou estudantes universitarios. 

Pola súa banda, poderán beneficiarse das subvencións ao transporte escolar as familias con fillos/as cursando Bacharelato ou Formación Profesional, e estudantes universitarios -ata os 21 anos (incluídos)-. 

E, en relación ás axudas do Punto de Atención á Infancia, que cubrirían a matrícula, as persoas solicitantes deben ter formalizada a matrícula para o curso 2021/2022. 

Entre os requisitos, as persoas solicitantes deben estar empadroadas no municipio, ao día nas obrigas tributarias co Concello, Axencia Estatal Tributaria, Seguridade Social e Facenda da Comunidade, e non superar os límites nos ingresos económicos establecidos.