O Concello convoca a Andada polo Bo Trato para conmemorar este domingo o Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A marcha cidadá partirá este domingo ás 17 h da casa da cultura

Valdoviño, 19 de novembro do 2024. Baixo o lema «Somos e Contamos», o Concello de Valdoviño celebrará este domingo 24 de novembro o acto central do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres: a Andada polo Bo trato. Como é habitual, a marcha cidadá partirá ás cinco da tarde da casa da cultura con destino á praia da Frouxeira, ata alcanzar as inmediacións da escultura adicada á muller obra da artista María Loureiro. Será un ano máis o espazo onde se proceda a dar lectura ao manifesto institucional aprobado pola corporación en pleno.

O acto concluirá cunha actuación musical, baixo o lema «Músicas aliadas», a cargo de Lorena Hermida e Jorge Casas.

A partir de entón, a programación deseñada polas concellerías de Cultura e de Servizos Sociais para conmemorar o 25N continuará o mércores 27, cun novo obradoiro do Laboratorio LGBT+ dirixido ás familias sobre como acompañar á mocidade na diversidade. Con inscrición previa nos Servizos Sociais municipais, arrincará ás 17:00 horas nas instalacións do CPI Atios. O venres 29 ás 18 horas na Biblioteca, celebrarase un obradoiro de estampación de camisetas baixo o título “Creatividade pola Igualdade: puntadas que rachan estereotipos”, e no auditorio ás 20:30 h, terá lugar a proxección da aclamada longametraxe galega «O corno», para un público maior de 12 anos e entrada de balde ata completar aforo. E pechando a programación, o 17 de decembro, o espectáculo teatral unipersoal «Golpes», con Estíbaliz Veiga. Chega ao noso municipio baixo o patrocinio da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero aos Concellos da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, e ofrecerase ao alumnado dos cursos de 3º e 4º da ESO.