O Concello convídanos a observar e falar do ceo dende Vilarrube xunto a Paulino Gasalla
A actividade celebrarase mércores con La Explanada como punto de encontro, e comezará ás 22 horas co concerto de Aixa Romay e Paul Álvarez
Valdoviño, 21 de xullo do 2025. O Concello de Valdoviño propón a nenos e maiores achegarse este mércores pola noite ata a praia de Vilarrube para observar e falar do ceo xunto a Paulino Gasalla. A actividade, de balde e sen inscrición previa, promete ser unha auténtica experiencia, e iniciarase co concerto baixo as estrelas da intérprete Aixa Romay e do guitarrista Paul Álvarez. O punto de encontro é o bar A Explanada, ás 22:00 horas.
Paulino Gasalla realizará un percorrido comentado polo ceo, con especial atención ás estrelas e constelacións, convidando aos asistentes a observar e falar do que a vista alcanza. Así mesmo, abordará cuestións como a contaminación lumínica e a necesidade de preservar a calidade do ceo, incidindo naquelas prácticas que cada un pode adoptar no seu día a día para traballar nesta dirección. Recoméndase acompañarse de prismáticos.
E previamente, o público poderá desfrutar do concerto da solista Aixa Romay acompañada á guitarra por Paul Álvarez. A intérprete, con máis de 25 anos sobre os escenarios, é un rostro coñecido a nivel nacional tralo seu paso por diferentes programas televisivos como “El Número Uno” e “La Voz” (Antena 3), “La Batalla de los Coros” (Cuatro), “Tú sí que vales” (Telecinco) ou “Luar” (TVG). Xunto a ela, Paul Álvarez, guitarrista flamenco cuxa traxectoria destaca pola súa mestría e sensibilidade interpretativa, consolidándose como unha figura versátil dentro do panorama musical.
