O Concello convida este domingo aos máis cativos ao concerto de rock de A Gramola Gominola e á inauguración da Casiña do Apalpador
O público infantil ten unha cita na casa da cultura ás 18:00 h, e ao remate da actuación musical, encontro co Apalpador na Porta do Sol
Valdoviño, 18 de decembro do 2024. Coincidindo coa primeira fin de semana de vacacións escolares, a Concellería de Cultura de Valdoviño preparou unha tarde de domingo do máis especial para os máis pequenos e pequenas da casa. Arrincará ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura, co concerto estelar “O poder da superlingua” de A Gramola Gominola, e continuará ao seu remate na Porta do Sol coa inauguración da Casiña do Apalpador.
A banda de rock en galego A Gramola Gominola reúne a grandes artistas como Paco Cerdeira (Pakolas), Paula Romero (De Vacas), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas). Creada en 2015, nestes 9 anos ten ofrecido centos de concertos poñendo ao público en pé cos cornos en man. Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil, teñen sacado ao mercado 3 libros-CD co selo da Editoral Galaxia. Chegan a Valdoviño co apoio da Rede Cultural da Deputación Provincial, e contarán este domingo cun espectador de luxo entre o público, nada máis e nada menos que o Apalpador.
Precisamente, ao remate do concerto, o Concello inaugurará na Porta do Sol a Casiña do Apalpador. A Concellería de Cultura remataba estes días os últimos detalles das obras de acondicionamento da oficina de turismo para reconvertela durante este Nadal no refuxio temporal do Apalpador, que recibirá as visitas dos nenos e nenas os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, de 17:00 a 18:00 h. Ademais, como ten fío directo con Santa Claus e os Reis Magos, cativos e cativas poderán deixarlles as súas cartas para que se ocupe el da entrega.