O Concello convida este domingo á veciñanza á proxección do filme de animación “Os demos do barro”

A película, coproducida por Parrocha Studio do coruñés Xosé Zapata, está nominada aos Premios Goya 2023

Valdoviño, 16 de xaneiro do 2023. A Casa da Cultura acollerá este domingo 22 de xaneiro a proxección do filme de animación «Os demos do barro». Será a partir das 18:00 horas, con entrada libre ata completar aforo, e o pase arrancará cun making off duns 5 minutos onde o público poderá achegarse ao proceso de creación dos bonecos. A película dirixida por Nuno Beato e coproducida por Parrocha Studio, do coruñés Xosé Zapata, chega ao noso municipio co patrocinio da Deputación provincial da Coruña, precedida dun gran éxito de público e crítica, ademais da súa nominación aos Premios Goya 2023 no apartado de mellor filme de animación. 

Aborda a historia de Rosa, unha reputada profesional que, trala morte do seu avó, decide abandoar a cidade e buscar o lugar e os recordos da súa infancia. Ao regresar á propiedade illada do seu avó no medio da paisaxe montañesa, descobre que este lle deixou un terreo practicamente abandonado e a casa da súa infancia case en ruinas. Impulsada polo remorso e a necesidade de atopar un novo rumbo para si mesma, tenta reconstruílos. Con todo, Rosa non está soa. Ademais das persoas coas que establecerá novos vínculos, aparece un grupo de demos de barro modelados polo seu avó que parecen, ás veces, cobrar vida, aconsellándoa e guiándoa e consolándoa, como el mesmo faría.