O Concello convida ás familias a participar este sábado no XIV Encontro Infantil no Entroido

Con entrada de balde, celebrarase no pavillón O Longoiro de 17 a 20 h

Valdoviño, 11 de febreiro do 2026. Baixo o lema “A rockear”, o Concello de Valdoviño convida ás familias a participar este sábado na XIV edición do Encontro Infantil no Entroido. Celebrarase no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, dende as 17:00 ás 20:00 horas. A entrada é libre e gratuíta, e haberá unha morea de actividades para os máis cativos e cativas.

Así, e coa temática proposta, ambientarase o espazo, onde se habilitarán diferentes áreas con obradoiros creativos e xogos. Xunto a eles, inchables, música e a zona para as crianzas, ademais doutros reclamos, como a presenza dun clásico, o caricaturista, que realizará retratos do público que o solicite.

Dende o Concello anímase á veciñanza a reservar a data e participar na festa, e para aqueles e aquelas que aínda non teñan decidido o disfraz, a temática rock pode ser unha boa inspiración este ano.