O Concello convida aos escolares a participar nun ciclo de espectáculos musicais deseñado para celebrar o Día Internacional da Música

Caxoto, Paco Nogueiras, Cristina Montero e The Music Patrol integran o cartel da proposta que impulsa esta semana a Concellería de Cultura

Valdoviño, 18 de novembro do 2024. Coa vista posta no Día Internacional da Música, que celebramos este venres 22 de novembro, a Concellería de Cultura de Valdoviño deseñou un ambicioso programa de espectáculos musicais e danza dirixidos aos centros de ensino da localidade. Arrinca este martes cos máis pequenos e pequenas da casa, os usuarios e usuarias da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Así, converteranse no público privilexiado dos contos para bebés da función «Levántate Xan!», de Caxoto.

O programa continuará ao longo da semana no auditorio da casa da cultura, con obras adaptadas ás diferentes idades do alumnado do CPI Atios. Deste xeito, o mércores 20, Paco Nogueiras aterriza en Valdoviño para ofrecer aos estudantes de 3º, 4º e 5º de Infantil e 1º, 2º e 3º de Primaria o seu show «Son animal»; o xoves, a bailarina Cristina Montero representará sobre as táboas o seu espectáculo de danza «Outr@s» para o alumnado de 2º, 3º e 4º de Secundaria, e xa o venres, a banda The Music Patrol compartirá cos mozos e mozas de 4º, 5º e 6º de Primaira e 1º da ESO as súas «Melodías en Familia».

O programa conta co apoio da Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña, que colabora no financiamento das funcións de Caxoto e The Music Patrol.