O Concello convida aos coles da zona a sumarse ao programa de visitas guiadas á lagoa
En colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural, busca contribuír á súa protección mediante a divulgación dos seus valores
Valdoviño, 20 de febreiro de 2024. O Concello de Valdoviño convida aos centros educativos da comarca a sumarse ao programa escolar de visitas guiadas á lagoa da Frouxeira que desenvolve en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Un programa que vén promovendo curso tras curso para contribuír á divulgación, respecto e protección deste humidal de importancia internacional, zona de especial protección para as aves, zona de especial protección dos valores naturais e zona de especial conservación.
Da man dos técnicos da SGHN, organízanse percorridos guiados e concertados para os coles, cun discurso adaptado á idade dos nenos e nenas participantes, onde se lles explica a importancia do humidal, centrándose na súa flora e fauna singular, abórdase a súa historia e dinámicas, ou as figuras de protección que rixen o territorio. Gratuíto, para sumarse ao programa, o Concello pon a disposición dos coles o teléfono 609 66 98 01.
Doutra banda, pero sen abandoar o humidal, o Concello de Valdoviño iniciaba hai uns días o reparto dun caderno de campo da lagoa da Frouxeira entre os nenos e nenas do municipio. Unha publicación editada polo Colectivo Rampla con debuxos e textos do ilustrador Adrián Taracido Fernández que afonda no coñecemento da fauna da lagoa e favorece a súa observación directa, e que as familias de Valdoviño poden solicitar na casa da cultura de luns a venres de 10 a 14 horas.