O Concello convida ao movemento asociativo e profesionais do municipio a unha charla sobre as axudas que a Deputación pon á súa disposición

Celebrarase o mércores 12 de novembro ás 20:00 horas na casa da cultura

Valdoviño, 31 de outubro do 2025. O Concello de Valdoviño organizará unha charla informativa dirixida ás entidades e asociacións do ámbito veciñal, cultural, deportivo, social e educativo, así como pemes e profesionais autónomos, sobre as diferentes liñas de axudas que promove anualmente a Deputación provincial da Coruña, e que convocará neste último trimestre do exercicio. Segundo avanzou a concelleira de Cultura e tamén deputada provincial, Rosana García, o obxectivo é ofrecer toda a información sobre as opcións de subvención, requisitos e tramitación para, coa previsión suficiente, facilitar o acceso ás convocatorias por parte do movemento asociativo e profesionais. Así, a charla celebrarase o mércores 12 de novembro ás 20:00 horas na Biblioteca da Casa da Cultura. Non é necesario inscribirse previamente, tan só achegarse na data e horarios indicados.

Entre outras subvencións, falarase da liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro do ámbito veciñal e rural para investimentos -obras de reforma ou mellora de inmobles, actuacións de eficiencia enerxética ou adquisición de equipamentos tecnolóxicos- e actividades culturais. Tamén das subvencións a clubs deportivos para a celebración de eventos ou financiamento de infraestruturas e equipamento, ou a realización de actividades e investimentos por parte de agrupacións de mariscadoras e mariscadores, e as axudas PEL pemes e PEL autónomos.