O Concello convida ao antigo alumnado, familias e veciñanza a sumarse ás tarefas de clasificación de fondos da escola de Pantín
A acción colectiva terá lugar o xoves 27 de 10:00 a 13:00 h na antiga escola
Valdoviño, 21 de marzo do 2025. O Concello de Valdoviño convida a antigos alumnos e alumnas e familias da escola unitaria da Ramalleira, en Pantín, a participar do labor de clasificación do material que alberga a día de hoxe o centro. A invitación faise extensiva a calquera persoa vinculada á escola dun ou doutro xeito, e á veciñanza en xeral que desexe implicarse no proxecto de recuperación do centro no que traballa dende hai tempo o Concello. Un dos pasos a dar está sendo a selección e clasificación dos inxentes recursos materiais que afortunadamente aínda se conservan nas instalacións, e do que, segundo avanzou a concelleira de Cultura, Ensino e Turismo, Rosana García, queren facer partícipes a todos aqueles e aquelas que forman parte da historia dunha escola que, coa mestra Sabela Díaz Regueiro, foi e será sempre referente educativo.
Así, as persoas interesadas en sumarse, poden achegarse o próximo xoves 27 de marzo, de 10:00 a 13:00 horas á escola, e participar desta acción.