O Concello convida ao alumnado do CPI Atios ao monólogo teatral Golpes con Estíbaliz Veiga

A actividade formaba parte da programación deseñada pola Administración local para conmemorar o Día da Muller e o Día do Teatro

Valdoviño, 19 de marzo do 2025. No marco da programación deseñada para conmemorar o Día da Muller (8 de marzo) e o Día do Teatro (27 de marzo), o Concello de Valdoviño convidaba esta mañá ao alumnado de Secundaria do CPI Atios a asistir no auditorio municipal á representación de «Golpes», da compañía aAntena. A actriz Estíbaliz Veiga protagonizaba este monólogo teatral contra a violencia machista que chegaba a Valdoviño no marco da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero. Mozos e mozas seguiron con atención a obra que, de xeito directo e fuxindo do tráxico, amosa como nas accións máis cotiás nace o «golpe» da desigualdade e chega o maltrato.

«Golpes» pretende así que espectadores e espectadoras identifiquen todos e cada un dos comportamentos ou actitudes machistas propias e alleas, sendo conscientes de canto traballo queda por facer para conseguir un mundo igualitario. Aínda así, a compañía logra transmitir con esta peza que o cambio é posible coa implicación de todas e todos.

Finalmente, o monólogo remataba cunha tertulia entre a actriz e o alumnado ao redor da peza, unha invitación á reflexión e ao intercambio de opinións.