O Concello convida á veciñanza a realizar o Camiño a Santo André dende Valdoviño
Abrirá este xoves inscricións na tradicional andada, que este ano se celebrará o 27 de setembro alcanzando a súa 24 edición
Valdoviño, 17 de setembro do 2025. Un ano máis, e xa van 24, o Concello de Valdoviño organizará este mes de setembro a súa Andada a Santo André de Teixido. Terá lugar o sábado 27, e este xoves 18, a Concellería de Cultura abre inscricións para reservar praza (ata o mércores 24 ao mediodía). Poderá facerse a través dun formulario online na portada da web municipal -www.concellodevaldovino.com- ou presencialmente na casa da cultura, de luns a venres de 10 a 13 horas -cun máximo de 3 inscricións por persoa-.
Está aberta a persoas a partir de 12 anos, e neste caso e ata os 14, deberán ir acompañadas dunha persoa adulta, ademais de contar coa correspondente autorización -os menores de 18-. As prazas son limitadas, e volverán ofertarse ao redor do centenar. O custe é de 15 euros, e inclúe o regreso en autocar.
O punto de concentración é o aparcadoiro da Porta do Sol (fronte á Casa Joselito) ás 8:00 horas. De alí sairá o autocar en dirección ao lugar da Rocha, inicio da andada. Haberá visita á Capela da Fame e parada no núcleo de Porto do Cabo, e as persoas participantes contarán con diferentes puntos de avituallamento ao longo do percorrido. Á chegada, poderán participar no xantar na área recreativa próxima ao santuario, e o regreso está previsto en autocar sobre as 18:30 horas.
