O Concello convida á veciñanza á proxección dunha selección de curtas sobre memoria democrática e do territorio producidos no Chanfaina Lab
Forma parte do programa de Actividades de Recuperación da Memoria Democrática, e celebrarase este venres no auditorio ás 20:00 horas
Valdoviño, 10 de xuño do 2026. O Concello de Valdoviño convida a veciños e veciñas a asistir este venres á proxección de diferentes traballos audiovisuais sobre memoria democrática e memoria do territorio realizados para o Chanfaina Lab ao longo da súa traxectoria. Entre eles, “Homes”, curta documental dirixida por Diana Toucedo e producida na segunda edición do certame, cunha fonda reflexión sobre a memoria e a historia a través das mulleres que agardan aos homes que partiron. O filme narra como os actos dos homes configuran a historia oficial, namentres cuestiona que acontece coa identidade das mulleres que manteñen feridas abertas. A sesión dará comezo ás 20:00 horas no auditorio da casa da cultura, con entrada de balde e libre ata completar aforo.
Na mesma, tomará parte Ángela Arnosa, directora de Comunicación, e o veciño de Valdoviño Manolo González, promotor do Chanfaina, que conversarán co público sobre as obras. A acción inclúese no programa de Actividades de Recuperación da Memoria Democrática, que cofinancia a Deputación da Coruña, e nesta actividade colabora tamén o Concello de San Sadurniño.
