O Concello convida á veciñanza a participar na XXIII Andada a Santo André
A ruta celebrarase o último sábado de mes, e o departamento de Cultura abrirá inscricións, con prazas limitadas, este martes
Valdoviño, 16 de setembro do 2024. O Concello de Valdoviño celebrará unha nova edición da súa tradicional Andada a Santo André de Teixido. Será o 28 de setembro, último sábado do mes, e mañá martes, día 17, abrirá as inscricións na iniciativa, con prazas limitadas. O trámite poderá realizarse online, a través da web municipal ou presencialmente na Casa da Cultura -de luns a venres de 10 a 14 horas, cun tope máximo de 3 inscricións por persoa-. Así mesmo, os/as menores de idade poderán tomar parte a partir de 12 anos, sempre con autorización e co acompañamento dunha persoa adulta.
A Andada, que alcanzará neste 2024 a súa XXIII edición, partirá do aparcadoiro da Porta do Sol (fronte á Casa Joselito) ás 8:00 horas, e as persoas participantes contarán con diferentes puntos de avituallamento ao longo do percorrido, con paradas en zonas clave como a Capela da Fame. Á chegada, poderán participar no xantar na área recreativa próxima ao santuario, e o regreso está previsto en autocar sobre as 18:30 horas. A cuota é de 15 euros.