O Concello convida á veciñanza a participar na elaboración do calendario municipal 2023

As persoas interesadas en participar no proxecto poden presentar dende xa as as súas fotografías a través da web municipal ou correo electrónico

Valdoviño, 9 de novembro do 2022. O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a participar un ano máis na elaboración do calendario municipal a través das súas imaxes. Así, dende hoxe, e ata o vindeiro 27 de novembro, as persoas interesadas en ilustrar o almanaque poderán enviar as súas fotografías ao enderezo web@concellodevaldovino.com ou subilas a través da web municipal, clickando no seguinte enlace: https://cutt.ly/nN6GVF0

Valdoviño ten que ser o protagonista das imaxes, e de aparecer persoas nelas, debe facerse constar o consentimento expreso das mesmas para o seu uso. Ademais, establécese un tope de 2 fotografías por persoa, e deberán sinalar o nome do lugar fotografado, así como os datos de contacto de quen presenta a imaxe: nome e apelidos, DNI e teléfono. 

Entre as presentadas, o Concello elixirá as que finalmente acompañen o calendario, que se presentará nun acto público na casa da cultura en decembro, e repartirá a partir de entón entre a veciñanza.