O Concello convida á veciñanza a celebrar o Samaín sumándose á búsqueda da Santa Compaña
A contorna da vella igrexa e cemiterio de Loira será de novo o escenario do acto central da programación, coa proxección da roadmovie documental “Buscando a Santa Compaña”, do director compostelán Fernando Cortizo
Valdoviño, 27 de outubro do 2025. A Concellería de Cultura avanza o acto central da celebración do Samaín neste 2025. Como cada ano, pon a súa mirada na contorna da vella igrexa e cemiterio de Loira, e alí, este venres 31 de outubro, proxectará a roadmovie documental «Buscando a Santa Compaña». Será entrada a noite, a partir das 20:00 horas, polo que se recomenda levar lanternas para acceder ao lugar. A cinta está recomendada para un público a partir de 12 anos, e en caso de choiva, a actividade trasladaríase á casa da cultura.
En “Buscando a Santa Compaña”, o director compostelán Fernando Cortizo recolle a búsqueda contrarreloxo das últimas testemuñas dun fenómeno que aterrorizou a toda unha poboación durante séculos. Unha investigación con opinións de expertos en diferentes áreas e tamén relatos en primeira persoa realizada coa intención de aclarar que se agocha tras esta crenza milenaria. O propio Cortizo, xunto á produtora Isabel Rey, asistirán ao pase este venres, e falarán de todo o proceso co público.
Fernando Cortizo, director de O Apóstolo, a primeira película española de animación en stop-motion 3D, volve sorprender, e moito, con esta trepidante aventura tras a misteriosa lenda galega da Santa Compaña. A cinta estivo nominada a Mellor Documental, Mellor Banda Sonora, Mellor Dirección e Mellor Montaxe nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega.
