O Concello convida a celebrar o Samaín na vella igrexa de Loira co espectáculo de narración oral “Non teñas medo á morte”
A función de María da Pontragha terá lugar este domingo ás 18:00 horas
Valdoviño, 23 de outubro de 2023. A contorna da vella igrexa e cemiterio de Loira converterase un ano máis no escenario principal de celebración do Samaín en Valdoviño. Neste espazo, a narradora María da Pontragha convidará a nenos/as e maiores a deixar atrás os medos á morte a través dunha contada festiva e alegre coa que morrer coa risa. Será este domingo 29 de outubro, con quedada ás 18:00 horas no acceso ás naves de Cándido Hermida. Dende alí, iniciaremos a marcha ata o igresario. Dende o Concello anímase a acudir con candeas e cabazas, especialmente para realizar o camiño de regreso, así como con roupa de disfrace relacionada.
Iso si, en caso de choiva, a obra «Non teñas medo á morte», que chega a Valdoviño da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña, trasladaríase á Casa da Cultura. Educadora e antropóloga, María da Pontragha mantivo dende sempre un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en sí, e dende 2009 permanece inmersa no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade.