O Concello convida a artesáns, autónomos e pequenas empresas locais a participar no IV Mercado Ecolóxico de Valdoviño
Abre inscricións na cita, que se celebrará o 28 de xuño na Porta do Sol
Valdoviño, 14 de maio do 2025. Valdoviño celebrará unha nova edición do seu Mercado Sostible no mes de xuño. A Concellería de Cultura traballa xa na organización da cita, que volverá ter por escenario a Porta do Sol, o sábado 28 de xuño de 12:00 a 20:00 horas. Co ánimo de reforzar a presenza de negocios locais, o Concello abre inscricións para todas aquelas persoas autónomas e empresas do municipio que traballen no ámbito agrario, artesán ou calquera outro relacionado co consumo responsable. Ata o 30 de maio, poderán presentar a súa solicitude para contar cun posto enviando un email ao enderezo info@totemgestion.com. Entre todas as solicitudes presentadas, e en función das características que máis se adapten ao tipo de mercado que se vai amosar, realizarase a selección.
O Mercado Sostible acadará o vindeiro mes a súa cuarta edición manténdose fiel ao seu obxectivo de pór en valor a produción ecolóxica, de proximidade e artesanal, complementando a exposición e venda cunha morea de actividades de lecer.
