O Concello contratará un/ha auxiliar de Biblioteca co apoio económico da Deputación
A Administración local abre hoxe, e por espazo de 10 días hábiles, o prazo de presentación de solicitudes para concorrer á convocatoria
Valdoviño, 16 de abril do 2025. O Concello de Valdoviño reforzará o persoal da Biblioteca coa incorporación dun/ha auxiliar. Será a través dunha contratación temporal que cubrirá polo procedemento de concurso-oposición, e que financiará con cargo a unha subvención concedida pola Deputación da Coruña no marco do programa PEL Concellos. O proceso selectivo iniciábase coa publicación no Boletín Oficial da Provincia de onte da convocatoria e bases, e hoxe ábrese o prazo de presentación de solicitudes para concorrer ao mesmo. Será por espazo de 10 días hábiles, e a instancia, que pode descargarse da web municipal, debe presentarse no rexistro municipal da casa consistorial ou a través da sede electrónica.
As persoas aspirantes deberán estar en situación de desemprego, figurar inscritas como demandantes nas oficinas do INEM, e reunir unha serie de requisitos recollidos nas bases. O contrato terá unha duración de 4 meses, a xornada parcial, e entre outras funcións, especifícase prestar apoiar ao persoal bibliotecario superior nas funcións de carácter técnico; velar polo cumprimento das normas de uso da biblioteca; xestión e mantemento do fondo bibliográfico e documental; ordenación e conservación da colección; atención, orientación e resolución dos servizos de información bibliográfica; xestión dos servizos de acceso aos documentos, consulta e sala de préstamo; vixianza e control das salas de estudo ou colaborar na relación de recontos e expurgos.