O Concello contratará 4 peóns forestais para a limpeza de montes e xestión da biomasa
Financiará os contratos con cargo á liña de axudas do APROL Rural
Valdoviño, 17 de xuño do 2025. O Concello de Valdoviño inicia o proceso de contratación de 4 peóns forestais por espazo de 9 meses para a limpeza de montes e xestión da biomasa. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe as bases da convocatoria, marcando o punto de inicio do proceso. As tarefas a realizar serán as de prevención de incendios forestais, protección e mantemento dos espazos naturais do municipio mediante traballos de limpeza forestal, protección e conservación da riqueza biolóxica natural.
As persoas aspirantes aos postos deben estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados, e será este quen realice unha selección previa de candidatos/as que remitirá ao Concello de Valdoviño. A Administración local contactará entón vía telefónica para informarlles do proceso de selección, que será polo sistema de oposición.
Os contratos financiaranse con cargo á liña de subvencións do APROL Rural, programa de fomento do emprego no medio rural.
