O Concello contará cunha axuda autonómica para acondicionar e facilitar a accesibilidade ao escenario do auditorio da casa da cultura

A Administración autonómica dá o visto bo a financiar o 70% da obra, que a administración local completará con fondos propios

Valdoviño, 31 de maio de 2024. O Concello de Valdoviño realizará obras de acondicionamento do escenario do auditorio da casa da cultura e instalará un elevador que facilite o acceso a persoas con diversidade funcional, eliminando así unha barreira arquitectónica latente na actualidade. Farao co apoio económico da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, que vén de dar o visto bo ao proxecto presentado pola Administración local. Xunta e Concello financiarán a intervención, aportando o 70% e 30% respectivamente dos preto de 40.000 euros nos que está orzamentada. As obras, que licitará a Administración local, deberán completarse o 31 de outubro.

O edificio da casa da cultura, do Premio Nacional de Arquitectura Manuel Gallego Jorreto, inaugurábase na década dos 80. O acceso ao escenario realízase a través dunhas estreitas escaleiras situadas nun lateral que impiden o seu uso por parte de persoas en cadeira de rodas ou mobilidade reducida. Ademais, o chan e paredes presentan un desgaste significativo debido ao seu uso continuo ao longo dos anos en eventos culturais e actividades comunitarias. Deste xeito, gretas, irregularidades e algunha que outra zona levantada comprometen a integridade estrutural. A actuación proposta plantea un espazo seguro e duradeiro no tempo, minimizando así os custes de mantemento e, sobre todo, garantindo a súa funcionalidade e accesibilidade.