O Concello conmemorará o Día dos Humidais cunha visita guiada pola SGHN á lagoa da Frouxeira do alumnado do CPI Atios

O programa de divulgación medioambiental que impulsa a Administración local co apoio da asociación está aberto aos centros escolares da comarca

Valdoviño, 30 de xaneiro do 2023. Este xoves, Día Mundial dos Humidais, alumnos e alumnas de 4º curso da ESO do CPI Atios tomarán parte nunha visita guiada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) á lagoa da Frouxeira. A iniciativa, coa que se conmemora no municipio esta significativa data, inclúese no programa de divulgación medio ambiental que a Administración local leva a cabo ao longo do ano en colaboración coa asociación que preside Xan Rodríguez Silvar. Con el, búscase favorecer a aprendizaxe sobre esta espectacular contorna natural, contribuíndo así ao seu coñecemento, respecto e protección. 

Para isto, técnicos da SGHN son os encargados de guiar eses percorridos concertados polos coles á contorna da lagoa. Así, cun discurso adaptado á idade dos/as nenos/as e mozos/as participantes, os monitores explícanlles a importancia do humidal, céntranse na súa flora e fauna singular, abordan a súa historia e funcionamento ou as figuras de protección que rixen o territorio, entre outros contidos. E todo, acompañado da observación e de diferentes dinámicas e xogos. Así, o programa está aberto aos centros da comarca, que tan só deben concertar a cita poñéndose en contacto co Concello a través do teléfono 609 66 98 01. 

A lagoa da Frouxeira é un dos cinco humidais protexidos en Galicia e conta, ademais, con outras figuras de protección como as de humidal protexido de importancia internacional, zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial conservación (ZEC).