O Concello conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres con talleres, teatro e a andada polo bo trato
As actividades arrancan o martes 21 e estenderanse ata o 13 de decembro
Valdoviño, 17 de novembro de 2023. O Concello de Valdoviño conmemorará o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres con obradoiros, teatro e a tradicional Marcha polo Bo Trato. Esta mañá, o alcalde, Alberto González, e as concelleiras de Servizos Sociais, Rosana García e Tamara Sabín, avanzaban unha programación que xa dará comezo o vindeiro martes 21 de novembro co taller “Atopámonos entre nós” co que se busca promover un punto de encontro entre mulleres con actividades e conversas relacionadas coa saúde sexual, física e emocional. Terá periodicidade semanal, os martes de 9:45 a 11:00 horas no Centro Sociocomunitario, e precísase de inscrición previa nos Servizos Sociais Municipais -planta baixa da consistorial ou teléfono 981 48 70 41 ext.5-.
O xoves 23 de novembro, e en colaboración co CPI Atios e co apoio da Deputación, o Concello organiza un obradoiro sobre xénero e pornografía para o alumnado de 3º da ESO e tamén equipo docente.
O propio 25N, sábado, o Concello convida á veciñanza a tomar parte nunha nova edición da Andada do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Partirá ás 17:00 horas da casa da cultura, co acompañamento do grupo de batukada da Asociación Valdoviño Cultura Extrema. Á chegada ao parque da Frouxeira, procederase á lectura do manifesto institucional -xa dispoñible na web municipal e accesible para persoas con discapacidade auditiva e visual-. O acto pecharase cun flashmob aberto á participación.
Xa o luns 27 de novembro, o centro sociocomunitario acollerá un novo obradoiro dirixido a mulleres, neste caso de creación audiovisual sobre violencias machistas no lecer e ocio nocturno. Celebrarase en horario de 10:00 a 13:30 h, e inclúese na campaña da Deputación “#DE FRONTE á violencia de xénero”, con inscrición nos Servizos Sociais.
A programación continuará o venres 1 de decembro cunha actividade cultural. O auditorio da casa da cultura acollerá ás 20:30 horas a obra “Insubmisión”, de Teatro del Andamio. A peza, dirixida a un público adulto, fala da violencia que se xenera no ámbito familiar, e que o fai dende o epicentro do conflicto: a intimidade da parella. O texto conta a historia partindo de dúas premisas. A primeira é que a violencia non aparece explícitamente no texto. Trátase dunha violencia suxerida, subxacente… A tensión dramática medra ao redor desa violencia contida, pero que non estala sobre o escenario. A segunda é que “Insubmisión” non só se articula sobre a dor senón tamén sobre a esperanza. formulando unha rebelión ante os fíos que nos atan a unha vida desgarrada. Hai saída: é posible facer as maletas e pechar a porta.
Pechando a programación, o Concello organiza os días 5 e 13 de decembro o obradoiro “Encantada de coñecerme”, centrado na atención en saúde sexual para mulleres adultas e a cargo da Federación de Planificación Familiar. Terá como escenario o centro sociocomunitario, cada xornada, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Con inscrición nos servizos sociais.