O Concello conclúe o proceso de colocación, casa a casa, da que é a primeira numeración oficial do municipio

Por primeira vez, o Concello conta cunha numeración oficial, o que porá remedio a vellos problemas tan cotiás como a recepción de envíos postais ou a tramitación de documentación administrativa

Valdoviño, 22 de setembro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de concluír o proceso de colocación da nova numeración do municipio. Uns traballos que se fixeron casa a casa, a través de persoal municipal, encargado de fixar nas propiedades o número designado. Un adhesivo co número e nome oficial da rúa ou lugar. É a primeira vez que Valdoviño conta cunha numeración oficial do seu rueiro. A anterior, inexistente en moitos casos, carecía de validez legal e xeraba problemas á veciñanza. Tan cotiás como a recepción de comunicacións postais ou paquetes ou a tramitación de documentación administrativa.

Hai un ano, e tras un longo proceso, o Concello de Valdoviño aprobaba a proposta de numeración oficial, para a súa remisión ao Instituto Nacional de Estatística, competente na súa tramitación definitiva. Así mesmo, a Administración local iniciaba os traballos que agora conclúen e daba traslado da nova numeración a administracións e institucións, confiando así en poder dar solución á vella problemática que se viña arrastrando ata o momento.