O Concello colabora no novo programa da ANPA Beiramar sobre o uso responsable de Internet e Redes Sociais entre o alumnado do CPI Atios

O proxecto inclúe obradoiros adaptados ás diferentes idades e dirixidos a estudantes dos últimos cursos de Primaria e primeiros de Secundaria

Valdoviño, 9 de abril do 2025. O Concello de Valdoviño colabora coa ANPA Beiramar do CPI Atios na posta en marcha do programa «Redes, de prevención do uso perxudicial de Internet e Redes Sociais». O proxecto está dirixido ao alumnado dos últimos cursos de Educación Primaria e máis os primeiros de Educación Secundaria Obrigatoria, e consta de diferentes obradoiros adaptados ás diferentes idades. A primeira sesión celebrábase onte, a segunda terá lugar hoxe e, á volta das vacacións escolares de Semana Santa, levarase a cabo a terceira e última acción. A nivel xeral, o programa busca promover no alumnado unha reflexión e actitude crítica con información contrastada e científica para a toma de decisións saudables sobre os usos das redes sociais e os videoxogos.

Ademais, formúlanse uns fins específicos segundo os cursos sobre os que se traballa. Así, no caso de 5º de Primaria, co taller «O Imperio da nube e o avatar oculto», tratouse de promover a toma de conciencia sobre as vantaxes e riscos asociados a Internet. Con 6º de Primaria, e a través do obradoiro «A mellor estratexia do xogo», traballáronse beneficios e perigos non só da Rede de Redes, senón tamén dos videoxogos. Así mesmo, planificáronse outros 2 talleres para o estudantado da ESO: «A rede e as súas redes» para 1º e «Os videoxogos e o seu dominio» para 2º. Nos dous casos, incidindo nos contidos anteriores, e engadindo habilidades para navegar neste novo «hábitat» virtual.

Nesta liña, a concelleira de Educación, Rosana García, quixo poñer en valor a colaboración entre Concello e ANPA, e especialmente, o intenso traballo que está a realizar a asociación dende principios de curso, e que se traduciu nunha morea de proxectos como este, ou outro dos máis recentes, «Nenas e nenos. Educación sexual básica».