O Concello colabora coa Cofradía de Cedeira na instalación na praia de Vilarrube dos vestiarios para as mariscadoras
As infraestruturas dan resposta a unha necesidade latente do colectivo
Valdoviño, 21 de setembro de 2021. As mariscadoras contan dende esta semana cun espazo propio adicado en exclusiva a vestiarios ao pé da praia de Vilarrube. Un espazo no que poder poñerse a roupa de faena e tamén asearse ao rematar a xornada. Algo tan sinxelo do que ata o dagora carecían. Unha vella reivindicación do colectivo, que integran unhas 20 traballadoras, que se materializaba esta semana grazas ás xestións da Confraría de Pescadores de Cedeira; do financiamento da Consellería do Mar e do FEMP, e da colaboración do Concello de Valdoviño.
Son máis que 2 casetas adicadas a vestiarios, con ducha e lavabo. Trátase dunha iniciativa coa que se suple unha necesidade latente no colectivo, e que contribúe a dignificar a súa actividade profesional.
O orzamento das infraestruturas ascendeu a 37.200 euros. Deles, a UE, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, aportou o 75%, e a Consellería do Mar, o 25% restante. Así mesmo, o Concello de Valdoviño colaborou na instalación e posta en funcionamento das casetas, dotándoas dos servizos de electricidade e auga, e facilitando a evacuación de residuos.