O Concello celebrará na Porta do Sol unha nova edición do seu Mercado Ecolóxico
Os postos de venda compartirán espazo cunha programación cultural que inclúe obradoiros, concerto, teatro ou punto de troco de libros
Valdoviño, 20 de xuño do 2025. O Concello de Valdoviño celebrará unha nova edición do seu Mercado Ecolóxico o vindeiro sábado 28 de xuño, e a concelleira de Turismo e Cultura, Rosana García, avanzaba esta mañá algúns dos seus principais contidos. Regresará á Porta do Sol durante toda a xornada, de 12:00 a 20:00 horas, e contará coa presenza dunha ducia de postos de venda de produto ecolóxico, de proximidade e residuo cero e artesán. Así mesmo, acompañarase dunha ampla programación de actividades complementarias. Entre elas, obradoiros de composicións florais con follas de millo e de cerámicas. Terán participación gratuíta e inscrición dende media hora antes do seu inicio, previsto para as 12:00 h e as 17:00 h con «As lolas da cascarilla» e «Mai Cerámica».
Tamén, o concerto ás 13:30 horas de Erick LePeich, cantautor galego que cultiva estilos tan variopintos como a bossa nova, o pop ou o funky, ou o espectáculo «Cabicivai» de Pablo Pablísimo ás 18:30 horas.
Durante toda a xornada, habilitarase un punto de troco de libros e o mercado contará cun espazo infantil.
Nas vindeiras xornadas, avanzaranse os postos e os produtos que integrarán este ano unha feira que, como apuntaba Rosana García, ten unha posición xa consolidada no calendario local.
