O Concello celebra o Día das Letras Galegas co programa “Begoña Caamaño estivo aquí!”
Repasará a visita a Valdoviño da xornalista e escritora a través da charla da mestra e directora teatral Pim Patinho, que incluirá o recital de “Maio”
Valdoviño, 11 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño continúa esta semana celebrando a través da palabra e a música as Letras Galegas 2026, e este venres convida á cidadanía a participar na biblioteca na actividade “Begoña Caamaño estivo aquí!”. A partir das 19:30 horas, a mestra e directora de teatro Pim Patinho ofrecerá unha charla sobre a xornalista, coa que mantivo unha relación de amizade. De feito, Pim Patinho acompañaba á escritora na presentación do seu libro “Morgana en Esmelle” no auditorio da casa da cultura de Valdoviño, o 16 de novembro de 2012. Patinho regresará este venres, 14 anos despois, para falar en Valdoviño deste capítulo e da dimensión máis activista de Begoña Caamaño, do seu papel dentro do feminismo e da súa participación nas loitas pola igualdade, os dereitos das mulleres e a transformación social.
O acto contará coa música de Maio, que integran Lorena Hermida e Jorge Casas. A acción cultural inclúese no programa “Valdolingua IV. Máis Lingua, Máis Letras. Begoña Caamaño Estivo Aquí”, e conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
