O Concello celebra o Día da Música cun ciclo de espectáculos para os centros de ensino

A Concellería de Cultura programa funcións no auditorio para o alumnado do CPI Atios e as escolas unitarias, e leva tamén as súas propostas á Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia para os pequerrechos e pequerrechas

Valdoviño, 24 de novembro do 2025. Un ano máis, a Concellería de Cultura quere festexar o Día Internacional da Música, na honra a Santa Cecilia, convidando aos nenos e nenas, mozos e mozas de Valdoviño a asistir a unha programación do máis especial, e con este obxectivo, programará durante toda a semana espectáculos no auditorio para a rapazada do CPI Atios e das escolas unitarias, e levará a iniciativa á Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia para os máis pequerrechos e pequerrechas.

A primeira proposta terá lugar este martes 25 de novembro, dirixida ao alumnado de Secundaria: o concerto «Música e Memes», a cargo de Diego Segade (viola), Andrea Vilar (piano) e Antón Seijas (clarinete), co que reivindican o valor da música clásica na actualidade. Ao día seguinte, mércores, a compañía Marta Alonso Tejada representará para os cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria do Atios a peza «Baila un vestido verde», un espectáculo interactivo de danza que xoga e invita a xogar ao público.

Así mesmo, o xoves 27 será o turno dos máis pequenos e pequenas, que poderán asistir á función «Animais encantados» de Sonsoles Penadique e Chechu Riquelme. Neste caso, o espectáculo celebrarase no Punto de Atención á Infancia, a onde levarán un feixe de animais encantados pola súa maxia e encantados de cantar, bailar, contar e xogar coas crianzas. E pechando o ciclo, ARTIKA CÍA ofrecerá o venres o seu espectáculo «PUM! PUM! Quen hai?», unha obra vibrante e chea de cor que mergulla aos espectadores na vida na aldea onde cada día é un xogo. Neste caso, os alumnos e alumnas convidadas serán as do ciclo de Infantil e 1º e 2º de Primaria do Atios e máis as das escolas unitarias.

O ciclo de música para os centros de ensino conta co apoio da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural.