O Concello busca a complicidade dos profesionais do sector servizos á hora de promocionar as rutas polas Ferrerías e Funil

A Administración local organiza un percorrido guiado polos novos itinerarios só para os responsables dos negocios locais

Valdoviño, 6 de maio do 2026. Coa firme convicción de que os profesionais do sector servizos son dos mellores embaixadores do municipio, o Concello de Valdoviño organiza unha ruta guiada polas Ferrerías e O Funil só para eles e elas. O obxectivo é continuar dando a coñecer os itinerarios habilitados recentemente na zona, nesta ocasión a responsables de aloxamentos, restaurantes, casas de comidas, empresas de ocio activo… aqueles e aquelas que están máis preto dos turistas, de modo que estas rutas poidan converterse nunha recomendación na axenda de viaxe ou visita.

Así, a iniciativa celebrarase o vindeiro martes 19 de maio, ás 10:00 horas -fuxindo da fin de semana, cando máis carga de traballo ten o sector-. Estará guiada pola firma Portal Norte, acreditada co selo do Xeoparque Cabo Ortegal, e encargada do mantemento durante todo o ano do sendeiro equipado das Ferrerías, un proxecto diferenciador do municipio en toda Galicia. A inscrición está aberta, escribindo un whatsapp ao número  648 87 77 80, dende xa e ata o venres 15. É de balde.