O Concello axuda á veciñanza a tramitar as solicitudes do programa “Xuntos polo Nadal”

Está dirixido a persoas maiores que se atopen soas nestas datas

Valdoviño, 11 de novembro do 2024. O Concello de Valdoviño, a través dos Servizos Sociais, axuda a veciños e veciñas a tramitar as súas solicitudes para participar no programa “Xuntos polo Nadal” que promove a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Un programa dirixido ás persoas de 60 anos en adiante que se atopen soas nestas datas.

Poderán aloxarse na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense, e desfrutar dunha completa oferta de actividades socioculturais entre o día 24 de decembro e o día 7 de xaneiro. No caso de quedar prazas sen adxudicar, valorarase conceder media quenda (do 24 ao 30 de decembro ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro). A participación é gratuíta, e inclúe o aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autocar dende Ferrol, e as citadas actividades de animación sociocultural.

As persoas beneficiarias deberán ter cumpridos os 60 anos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes (o 25 de novembro, incluído), estar empadroadas nalgún concello galego, vivir sos no seu domicilio e ter que pasar as datas de Nadal sos, valerse por si mesmos e non padecer enfermidades transmisibles con risco de contaxio, entre outras.