O Concello avanza o inicio das obras da senda peonil e ciclista que conectará o paseo da lagoa da Frouxeira co campo de fútbol de Meirás

O alcalde, Alberto González, mantivo unha xuntanza informativa cos propietarios de vivendas e fincas situadas nas marxes da intervención

Valdoviño, 10 de setembro do 2025. O alcalde, Alberto González, arrincaba onte á tarde a reunión informativa sobre a senda peonil e ciclista entre A Frouxeira e Meirás co anuncio do inicio das obras. Apenas dous días despois de que o Concello asinase a acta de replanteo da intervención, esta comezaba na zona de Meirás. Deceas de propietarios de vivendas e fincas situadas nas marxes do itinerario achegábanse á casa consistorial para participar no encontro, no que tamén tomaron parte os concelleiros de Urbanismo, Sergio Saavedra, e Obras, Alejandro García.

Cun prazo estimado de execución de 4 meses, a intervención permitirá habilitar unha senda peonil e ciclista de 8 km entre o paseo da lagoa da Frouxeira e o campo de fútbol de Meirás. O proxecto formulábase hai xa 8 anos, pero daquela non puido levarse a cabo polas reticencias da Consellería de Medio Ambiente. Tras replantear algúns aspectos, a Deputación da Coruña presentábao de novo á convocatoria de axudas europeas DUS 5000, logrando o seu financiamento. Hai uns días concluía o proceso de contratación, coa adxudicación á empresa José NO Mantiñán e Hijos cun investimento lixeiramente superior aos 360.000 euros.

Por tramos, o rexedor foi detallando as liñas xerais da actuación, e resolvendo as dúbidas dos veciños en relación ás afectacións xerais e particulares de cada propiedade. En relación ao tramo da lagoa da Frouxeira, Alberto González explicaba que comezará á altura do cámping municipal. A partir de aí, unificarase o nivel da beirarrúa, vial e senda. O actual paseo de pizarra manterase invariable, o parterre transformarase nun itinerario para corredores, e crearanse 2 carrís bici de doble dirección gañando metros á estrada. O vial, que se aglomerará, será dunha soa dirección. Haberá 3 saídas: pola rúa Pintor José Leyra Domínguez -que se acondicionará con plans provinciais-; a rúa praia Frouxeira -que se arranxará con fondos municipais unha vez o Concello logre a titularidade do tramo final-, e a rúa Atios.

A partir de aí, a senda entra no paseo de terra que bordea a lagoa, onde se reforzará a sinalización para remarcar a preferencia de ciclistas na vía pecuaria que vai en paralelo á senda peatonal. A intervención retomarase ao finalizar o paseo de terra, dando continuidade á senda ata conectar coa AC-116. Neste pequeno treito, habilitarase un itinerario peonil e ciclista de 2 m de ancho, e reordenarase o estacionamento na zona.

A partir da AC-116, á altura do Golpiño, o itinerario discorre por Lago pola senda creada no seu día pola Xunta ata Meirás, e máis concretamente, ata a estrada de acceso ao Faro. Neste terceiro e último tramo, actuarase en dúas zonas. A primeira, na marxe dereita ata o núcleo de Regueiro, e a segunda, na marxe esquerda dende a escola unitaria ata o campo de fútbol. Nos dous casos, habilitarase a senda duns 2 m e uso compartido para peóns e ciclistas. A intervención collerá terreos de propiedade municipal, e tamén, da cooperativa de Meirás cedidos ao Concello, co obxectivo de evitar expropiacións ou afectación á propiedade privada.

Na reunión, o alcalde explicou que a intención era continuar a senda ao longo de toda a estrada, pero que non fora posible ante a negativa da Administración autonómica. En todo caso, trasladouse á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a petición de realizar unha intervención mínima que permita, a lo menos, crear un itinerario peonil ata o Faro.