O Concello avanza novidades e datas para o 24º Festival de Entroido de Valdoviño

Celebrarase o sábado 17 de febreiro no exterior da casa da cultura, e ábrese á participación de novos grupos e categorías

Valdoviño, 24 de xaneiro de 2024. O Festival de Entroido de Valdoviño, un dos máis antigos da comarca con 23 edicións celebradas, incorporará este ano importantes novidades en canto á participación e aos premios. Celebrarase o sábado 17 de febreiro, con desfile dende a casa consistorial ata a casa da cultura, onde se instalará a gran carpa que acollerá a cita. A Concellería de Cultura avanzaba hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria, e esas novidades. Así, establécese un tope de 8 comparsas, que deberán contar cun mínimo de 8 participantes, a dase entrada a novas categorías: grupo grande -de 5 a 7 integrantes- e pequeno -de 3 a 4 membros-, ademáis das parellas -2 persoas- e os disfraces individuais. Todos eles poderán optar a premios en metálico, dende os 500 euros das comparsas ata os 50 euros dos disfraces individuais, e as primeiras recibirán 300 euros tan só por participar. Iso si, se finalmente gañan o premio, este sustituirase pola anterior gratificación. O certamen tamén inclúe este ano un Accésit ao Mellor Carnaval, cun premio de 50 euros, a elección do xurado. En suma, o Concello repartirá 3.450 euros en axudas á participación e premios.

Ademais, aínda sen inscrición, anímase a veciños e veciñas a tomar parte no desfile acudindo co seu disfraz.

Por último, o Concello de Valdoviño avanza as datas de inscrición no festival. Será do 1 ao 11 de febreiro a través da sede electrónica ou presencialmente na casa da cultura -de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 19 h-, e a maiores, o mesmo día 17, na casa consistorial de 16:30 a 17 h para a categoría individual sempre e cando non formalizase previamente a inscrición.

Por último, a Concellería de Cultura avanza que a tradicional festa infantil coa que completará a programación de Entroido terá lugar, como é habitual, no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, o sábado previo, día 10 de febreiro, e que nos vindeiros días informará de horarios e temática.

BASES ANTROIDO 2024

ANEXO ENTROIDO 2024

INSCRICIÓNS 2024