O Concello avanza inscricións en “Valdoviño Saudable”, a programación deportiva municipal para o curso 2024-25

Con 12 actividades deportivas en carteira, as clases arrincarán en outubro en Meirás, Pantín, Valdoviño e Vilarrube

Valdoviño, 13 de setembro do 2024. O Concello avanzaba esta mañá a programación de «Valdoviño Saudable» para este curso 2024-2025, que arrincará no mes de outubro. O alcalde, Alberto González, explicaba que o programa inclúe 12 actividades deportivas para nenos/as e persoas adultas, e aínda que o grosso das clases se celebrarán nos pavillóns municipais do CPI Atios (Valdoviño) e Longoiro (Meirás), tamén se programan actividades en Pantín e Vilarrube.

Pola súa banda, o concelleiro de área, Sergio Saavedra, avanzaba que o prazo de inscrición en “Valdoviño Saudable” se abrirá o vindeiro luns 16 de setembro, ata o xoves 26. O trámite poderá realizarse a través da web municipal e tamén presencialmente na primeira planta da casa consistorial, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Máis ao detalle, e de reunirse un número mínimo de participantes, haberá clases de atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe en liña, baloncesto, duatlón, karate, patinaxe artístico, psicomotricidade, multideporte, tenis e tiro con arco. Todas elas, no Atios,  agás as dúas últimas actividades, que se impartirán no Longoiro. A cuota das actividades no Atios é de 10 euros, e están enfocadas a nenos e nenas de 6 a 13 anos coa excepción de psicomotricidade, para menores de 3 a 7 anos (incluídos). No caso de tenis e tiro con arco, para rapaces e rapazas de ata 18 anos, terán un custe de 11,06 e 8,86 euros/mes respectivamente.

Para o público adulto, tamén se ofrecerá tenis e tiro con arco no Longoiro, ademais de ximnasia nas parroquias de Meirás (pavillón), Pantín (local social), Valdoviño (casa da cultura) e Vilarrube (local social). Tampouco hai variacións nos prezos, e o custe mantense respecto a anos anteriores, con tarifas que oscilan entre os 8,86 e os 12,54 euros mensuais en función da frecuencia semanal. Coma é habitual, e en toda a programación, no caso de que a demanda exceda a oferta terán preferencia as persoas empadroadas en Valdoviño.

INSCRICIÓNS ONLINE