O Concello avanza inscricións en Concilia Tempos Mañás no CPI Atios e unitarias de Lago e Taraza de cara ao próximo curso escolar
As familias poderán realizar a solicitude de praza a partir deste venres
Valdoviño, 5 de xuño de 2024. De cara ao próximo curso escolar 2024-2025, o Concello de Valdoviño abre inscricións este venres no programa Concilia Tempos Mañás! Un servizo de conciliación para a primeira hora da mañá, antes de que comece o cole, que se levará a cabo no CPI Atios e máis nas escolas unitarias de Lago e Taraza. A Concellería de Servizos Sociais, como fixera o pasado ano, adianta a reserva de praza para facela coincidir co prazo de inscrición nos campamentos de verán Concilia, de modo que se faciliten as xestións, puidéndose realizar ao mesmo tempo. De quedar prazas libres, poderá solicitarse ao longo do curso escolar.
O servizo ofrécese de 7:30 a 9:30 h no caso do CPI Atios, e de 8:00 a 9:30 h en Lago e Taraza, e as familias poderán incorporarse cando así o precisen, sendo as 8:30 h o límite no caso de que almorcen no espazo. A idea é iniciar o día dun xeito tranquilo, desfrutando do ambiente grupal e dun almorzo saudable, ofrecendo iogures, froita, froitos secos, mel, cereais, leite, pan…
A inscrición pode realizarse ata o 20 de xuño no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica, e os ficheiros están dispoñibles na web municipal. O prezo é de 30 euros ao mes e de 20 euros ao mes.