O Concello avanza a posta en marcha de obradoiros gratuítos de musicoterapia para maiores de 60 no local social de Aviño
As inscricións están abertas no departamento municipal de Servizos Sociais
Valdoviño, 5 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño activa novos talleres de musicoterapia en Aviño. O alcalde, Alberto González, explicaba que a Concellería de Servizos Sociais atende así a petición trasladada pola asociación de veciños de San Miguel, e suma este novo emprazamento. O proxecto, baixo o lema «Ponlle ritmo á vida», xa conta con sesións semanais en Meirás, Pantín, Sequeiro e Vilaboa, e a partir do 14 de novembro, tamén se celebrarán no local social de Aviño, os venres de 11:30 a 13:00 horas.
Os obradoiros están dirixidos a veciños e veciñas a partir de 60 anos, e a participación é gratuíta. Inclúense na programación de actividades que desenvolve a Concellería de Servizos Sociais para promover un envellecemento activo, favorecendo as relacións sociais e combatendo a soídade non desexada. Cun investimento superior aos 11.000 euros, a Deputación da Coruña apoia este ano a iniciativa cunha achega de 7.000 euros.
As persoas interesadas en tomar parte poden reservar praza no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da casa consistorial- de luns a venres de 10 a 14 h, ou a través do teléfono 981 48 70 41 ext.5 ou correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com
