O Concello autoriza a actividade de 3 novas escolas de surf nas praias do municipio

Layback Surfcamp, Asolas no Puntal e Campelo Surf House súmanse ás outras 12 escolas xa en activo no municipio

Valdoviño, 4 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño vén de autorizar a actividade de tres novas escolas de surf nas praias do municipio -agás Pantín, limitada a 8 escolas, e Campelo, que se reserva para a práctica do surf libre-. Trátase de Layback Surfcamp, que desenvolverá a súa actividade entre os meses de marzo e novembro; Asolas no Puntal e Campelo Surf House -nos dous casos, nos meses de xullo e agosto-. Estas escolas sumaranse así ás 12 que, ata a data, operan en Valdoviño tras o proceso aberto o pasado ano polo Concello. Un proceso que ampliaba o periodo de vixencia das autorizacións, pasando do ano aos catro, e fixaba un plan de promoción do deporte que deben impulsar as escolas en colaboración coa Administración local.

Un proceso que, en todo caso, busca garantir unha ocupación racional e sostible das praias, e pon en valor a repercusión da actividade das escolas na economía local, coa xeración de máis de 50 empregos directos.