O Concello autoriza a actividade de 12 escolas de surf nas praias de Valdoviño e de 8 no areal de Pantín

O alcalde, Alberto González, asegura que a ampliación da vixencia dos permisos de 1 a 4 anos dará maior seguridade ás empresas para afrontar investimentos e desenvolver proxectos no municipio

Valdoviño, 22 de xuño de 2022. O Concello de Valdoviño vén de autorizar a actividade de 12 escolas de surf, bodyboard e paddle surf nas praias do municipio -agás Campelo, que se reserva para a práctica do surf libre- e de 8 delas no areal de Pantín. Son as autorizacións concedidas para os vindeiros 4 anos (ata 2025 incluído). O alcalde, Alberto González, explicaba que a ampliación do periodo de vixencia dos permisos de 1 a 4 anos constitúe unha das principais novidades do procedemento e aseguraba que deste xeito as empresas poderán afrontar con maior seguridade investimentos e proxectos no municipio.

Ademais, por primeira vez, segundo subliña o rexidor, o Concello establecía como requisito para a concesión de licenzas a elaboración e posta en marcha dun plan de explotación e promoción do deporte en Valdoviño. Así, entre as propostas presentadas a maioría inclúen xornadas de iniciación ao surf para escolares do municipio; charlas formativas sobre medio ambiente ou seguridade no mar; accións de carácter social ou xornadas de limpeza ambiental en praias.

Alberto González destaca que coa ordenanza reguladora do uso de praias o Concello busca garantir unha ocupación racional e sostible, e pon en valor a repercusión da actividade das escolas na economía local, coa xeración de máis de 50 empregos directos. Ademais, subliña o feito de que a maioría das escolas plantean un periodo de actividade anual de 11 meses, apostando así desestacionalización da actividade económica vencellada ao surf durante todo o ano.

.