O Concello asina con FCC o contrato do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria por 4,4 millóns en dez anos

Conclúe así un proceso administrativo longo e complexo e permite a entrada en vigor das novas condicións, nas que se amplía a frecuencia da recollida en todo o termo municipal, entre outras melloras

Valdoviño, 18 de novembro do 2022. O alcalde, Alberto González, e o xefe de producción de FCC Medio Ambiente S.A.U. na delegación Noroeste, Manuel Brage, asinaban esta mañá o contrato para a prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e de limpeza viaria. Unha rúbrica que suporá a entrada en vigor efectiva das melloras incluídas nun contrato no que o Concello investirá preto de 4,5 millóns na próxima década -444.067,26 euros ao ano-. Ponse así fin a un longo e complexo proceso administrativo iniciado para dar solución aos problemas derivados dun contrato ata o momento obsoleto que non permitía responder ás necesidades da veciñanza. 

As principais melloras serán o incremento da frecuencia de recollida en todo o municipio, pasando no caso do verde a 6 días á semana e 7 no verán, e a realizarse unha recollida semanal do colector amarelo e azul; a implantación dun novo e novidoso sistema de recollida lateral; a incorporación dos colectores marróns para a recollida de residuos biodegradables; a aposta decidida pola compostaxe doméstica; a renovación e incremento do número de contedores, e a significativa ampliación e reforzo dos servizos e zonas de actuación do servizo de limpeza viaria. 

Nos vindeiros días comezarán a chegar os novos contedores, coa previsión de iniciar a súa instalación progresiva a partir do mes de decembro. Para isto, priorizarase a instalación de illas completas nas que sexa posible depositar polo menos a fracción orgánica, envases lixeiros e resto. Ademais, a empresa adxudicataria executará un detallado calendario de tarefas de limpeza e desinfección dos mesmos. 

No tocante ó servizo de recollida de enseres, incorporaranse os restos vexetais procedentes da poda de árbores e vexetación de xardíns particulares -hoxe en día non contemplados-. 

E, finalmente, en relación ó servizo de limpeza viaria, implantaranse novas zonas de limpeza e servizos, como o baleirado de papeleiras; varrido manual; baldeo de rúas; eliminación de vexetación en beirarrúas e estradas ou limpeza de contedores de cartón/papel e de vidro.