O Concello asesorará a emprendedores, pemes e autónomos sobre as axudas para o sector do marisqueo e a transformación do produto

O servizo, baixo demanda, inclúese no proxecto “Valdoviño Mar”

O proxecto municipal «Valdoviño Mar. Futuro a toda costa» inicia este mes o seu servizo de asesoramento sobre liñas de financiamento para o sector do marisqueo e a transformación do produto. Así o avanzou esta mañá o alcalde, Alberto González, para engadir que estará dirixido a emprendedores, pemes e autónomos.

Concretamente, as liñas de subvención son as axudas do GALP A Mariña-Ortegal para a realización de operacións baixo a súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), que se poden consultar na seguinte ligazón: https://bit.ly/38Bp7CR

O prazo para solicitar este servizo estará aberto do 6 de setembro ao 8 de outubro. Así, as persoas e empresas interesadas deberán enviar un correo electrónico a valdomarfuturo@gmail.com ou chamar ao 881 294 127, en horario de 9 a 14 h.

Solicitando agora este novo servizo de asesoramento, as persoas emprendedoras ou empresas do sector poderán saber se as súas ideas de negocio (ou novas liñas de traballo e transformación) teñen ou non cabida neste tipo de axudas. Ademais, indicarase que tipo de documentación técnica e administrativa se precisa para formular a solicitude ante o GALP A Mariña-Ortegal, que tipo de investimentos e gastos están subvencionados, as porcentaxes e límites de subvención en base ás características da persoa ou entidade promotora. Tamén se informará sobre os criterios de valoración que se bareman no seo da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo para obter unha maior puntuación, sen esquecer as obrigas que debe cumprir e manter no caso de ser beneficiario/a da axuda.

OUTRAS ACCIÓNS

No seo deste proxecto «Valdoviño Mar. Futuro a toda costa», téñense executado outras accións, como obradoiros de sensibilización con escolares do CPI Atios, que tiveron a oportunidade de achegarse aos sistemas artesanais de extracción de bivalvos (sacho, fouciño, anciño, etc.), coñecendo as cunchas da coquina, ameixa fina, ostra rizada, berberecho, ou outras como o pepino de mar ou longueirón vello. Unha acción coa que tamén coñeceron en primeira persoa o traballo dos percebeiros de Meirás e das mariscadoras de Vilarrube.

Tamén baixo a xestión deste proxecto leváronse a cabo varias rutas interpretativas sobre a riqueza litoral, que tiveron lugar en xullo e agosto con gran éxito de público, e para as que se esgotaron rapidamente as prazas, dado o interese amosado por un público maioritariamente local.