O Concello arranca no Día do Libro o programa “Son de Aquí e Escribo”, un ciclo de charlas con escritores e afeccionados do municipio
A primeira conferencia estará protagonizada pola docente Jessica Sabín Fernández, este venres ás 20 horas no auditorio
“Son de Aquí e Escribo” é o título do novo programa cultural deseñado polo Concello de Valdoviño. Inaugurarase este venres 23 de abril, co gallo do Día Internacional do Libro, e con el búscase reunir a escritores e afeccionados á escritura veciños do municipio. Protagonizarán unha serie de charlas nas que exporán as súas impresións e motivacións para escribir, e compartirán co público algúns dos seus textos.
Ademais, o Concello sinala que o programa está aberto á participación tanto de escritores consagrados como Rosa Aneiros e outros que, amantes da literatura, aínda non teñen publicados os seus escritos. É o caso da primeira ponente, a docente Jessica Sabín Fernández, que escribe dende nenda, e coa que arrancará o proxecto este venres ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura.
A actividade está dirixida a un público adulto, e aqueles e aquelas que desexen participar neste encontro literario, con prazas limitadas polos protocolos de prevención fronte á covid-19, deben retirar as súas invitacións hoxe e mañá de 11 a 14 h e de 16 a 20 h.