O Concello arranca a transformación dos patios do CPI Atios, seguindo as instrucións de alumnado e profesorado

O alcalde, Alberto González, avanza a demolición do antigo ximnasio e aseos e a construción dun rocódromo, entre outras accións

Valdoviño, 19 de outubro de 2021. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá do inicio das obras de reforma integral dos patios de Primaria e ESO do CPI Atios. Unha actuación ideada polo alumnado e equipo docente do centro. Cun investimento superior aos 46.000 euros, estes primeiros traballos contemplan a demolición do antigo ximnasio e aseos para habilitar unha zona que serva de punto de encontro para os estudantes e incorpore tamén un rocódromo. 

O alcalde lembraba que o proxecto arrancaba hai 2 anos. A instancias do Concello, alumnado e profesorado convertíanse en «arquitectos/as» para redeseñar as grandes áreas de xogo. E facíano a través de varias dinámicas como a titulada «Como vivo o patio» na que os estudantes daban a súa visión a través de debuxos e textos; «Experimento no patio», na que o Concello os convidaba a vivilo doutro xeito, instalando elementos como caixas de grandes dimensións e cordas, deceas de cadeiras, grandes manchas de cores no chan ou un sinfín de gomas de cores nas porterías, e «Como quero o meu patio», onde daban resposta á gran incógnita e planteaban as súas propostas. Entre elas, as que agora executará o Concello. 

As obras contemplan a pavimentación do espazo lateral do centro con formigón e caucho; a construción dun muro de peche; a instalación de bancos de formigón armado con aceiro e madeira; a execución dunha parede de pizarra; a colocación de mesas de madeira con dous bancos e a construción do rocódromo. 

Estas obras dan continuidade ao plan de intervencións nos patios escolares. Iniciábanse en 2020, na área de xogo dos nenos e nenas de Infantil. Nela investía 12.000 euros o Concello para ampliar o espazo gañando metros do aparcadoiro destinado ao equipo docente, instalar céspede artificial, fundir o acceso de entrada ou instalar un novo portalón, entre outras intervencións.