O Concello aproba provisionalmente 43 axudas por valor de 84.500 euros para autónomos e microempresas afectadas pola crise da covid
A resolución pode consultarse na páxina web municipal
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de aprobar a concesión provisional dun total de 43 axudas a autónomos e microempresas do Concello afectados pola crise da covid-19. As axudas oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros e, en conxunto, suman un investimento de 84.500 euros. A resolución pode consultarse na páxina web municipal e, o seguinte paso, será formalizar a concesión definitiva das achegas, abríndose un prazo para a xustificación da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos. Finalmente, o Concello procederá a abonar as axudas.
As axudas inclúense no Plan de Emprego Local-PEL Reactiva, cofinanciado por Deputación provincial da Coruña e Concello ao 80 e o 20% respectivamente. Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da covid-19, compra e instalación de mamparas, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes.
En todo caso, están dirixidas a persoas traballadoras autónomas e microempresas que se visen afectados polo peche; a aquelas cuxa facturación no segundo trimestre de 2020 se vise reducida polo menos nun 75% en relación ao semestre anterior á declaración do estado de alarma ou ben que se visen na obriga de acollerse a un ERTE.