O Concello aproba en pleno a súa primeira ordenanza reguladora de instalacións temporais e de servizos de tempada

Todos os grupos respaldan por unanimidade o texto, que se publicará agora en boletín oficial pasando así á fase de exposición pública
Valdoviño, 3 de maio do 2023. O Concello de Valdoviño vén de aprobar en pleno a ordenanza reguladora das instalacións temporais e de servizos de tempada. O documento, respaldado por todos os grupos municipais, busca establecer uns criterios urbanísticos básicos comúns e unhas condicións estéticas homoxéneas para este tipo de infraestruturas (quioscos, food trucks, espazos para o aluguer de bicis, táboas de surf, tumbonas, kaiaks ou instalacións para a prestación de servizos de formación e ensino das modalidades deportivas de surf, entre outras).
As instalacións de tempada poderanse situar en calquera tipo de solo, respectando os condicionantes fixados no réxime urbanístico de aplicación, relativos a usos permitidos, alturas (non podendo superar en todo caso as dúas plantas e os 6 m de altura entre a rasante natural do terreo e o beirado da cuberta ou parte superior), separacións a lindeiros, ocupación, edificabilidade e condicións construtivas. Ademais, quedarán suxeitas á normativa sobre espectáculos públicos e actividades recreativas, de protección do patrimonio, accesibilidade e supresión de barreiras, de protección do medio ambiente, así como calquera outra normativa sectorial que resulte de aplicación. E se a instalación vai dispoñer de terraza, esta rexerase pola ordenanza municipal reguladora correspondente.
No documento aprobado, recóllense os requisitos que deberán reunir as construcións (dende materiais a tonalidades) e as distancias respecto a outras edificacións.
Para a súa instalación, bastará unha comunicación previa (salvo que as instalacións ocupen terreos de dominio público onde deberán solicitar a preceptiva autorización ou licenza) e de licenza no caso de usos e obras provisionais.
En xeral, a tempada queda fixada entre o 1 de maio e o 31 de outubro de cada ano natural (e tamén poderá solicitarse autorización durante o periodo da Semana Santa), cun horario de funcionamento de 8 a 23:30 h, salvo venres, sábados e vésperas de festivo, cando o horario de peche poderase prolongar ata as 24 h.
No caso de instalacións vinculadas a servicios de formación e ensinanza de surf e similares o período de funcionamento será entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro e sempre adaptado ao sinalado anualmente nas Bases da Demarcación de Costas de Galicia regulador dos servicios de formación e ensinanza de surf e similares.
A nova ordenanza publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia, abríndose un periodo de exposición pública.